Wednesday 08 de May de 2024

O Concello de Boqueixón tinguirase esta semana de azul para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas


O alumnado de 5º e 6º de EP do CPIP Antonio Orza Couto participará este venres no 5º Pleno Infantil, que estará presidido polo alcalde e pola concelleira de Servizos Sociais

O Concello de Boqueixón tinguirase esta semana de azul para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. Con esta iniciativa, promovida por Unicef Galicia, preténdese poñer o foco sobre a Convención dos Dereitos do Neno, que este ano cumpre tres décadas, ao tempo que se lembra a importancia de continuar realizando esforzos a prol do benestar e desenvolvemento de toda a infancia e a adolescencia.

Baixo o lema #GaliciaDeAzul, Unicef anima a todos os Concellos a tinguir desta cor os seus consistorios. No caso de Boqueixón, iluminarase entre o propio mércores 20 de novembro, Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas, e a fin de semana.

Dentro da conmemoración desta efeméride, o Concello de Boqueixón celebrará o seu 5º Pleno Infantil. Terá lugar o venres 22 de novembro ás 10.30 horas e estará presidido polo alcalde, Manuel Fernández Munín, e pola concelleira de Servizos Sociais, Ana María Seijo. O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria do CPIP Antonio Orza Couto será o protagonista desta sesión, acudindo o primeiro grupo de oínte e o segundo, de xeito máis activo, como participantes. Nela, realizarase unha lectura e reflexión sobre os dereitos internacionais traballados dende as aulas. Ademais as mozas e mozos compartirán co rexedor e a edila as súas inquedanzas co fin de mellorar o municipio.

Este é o quinto ano consecutivo en que se desenvolve o Pleno Infantil, que está organizado polo Departamento de Servizos Sociais. Esta actividade é posible grazas ao convenio asinado polo Concello de Boqueixón e Unicef Galicia, que busca poñer en valor os dereitos dos nenos e das nenas.